Páginas

lunes, 4 de marzo de 2013

TEMOS QUE AXUDAR AOS NOSOS FILLOS COS DEBERES?





Responde: Mª Teresa Díaz López 
[Membro da Asociación Profesional de Orientadores de Galicia “Faro
das Cíes”]

      Esta é unha dúbida comprensible, sobre todo se pensamos na importancia 
do labor das familias, xunto co da escola, na formación dos hábitos de 
estudo.
     A axuda nas tarefas debe variar en función da idade, do ritmo de traballo 
e das posibles dificultades, pero sempre tenderemos a que traballen de 
xeito autónomo, coa menor intervención pola nosa parte (especialmente a 
partir do primeiro ciclo de Primaria). No caso de dificultades coa lectura ou 
coa comprensión, axudaremos un pouco máis. O noso labor será, pois, o 
de supervisar, o que non implica estar presente todo o tempo, nin facer 
o traballo con eles. Nunca debemos borrar, arrancar follas, dicirlles que o 
fan mal ou falar mal do profesorado que manda as tarefas. 
     Pero axudar tamén é proporcionarlles un espazo ordenado, ben 
iluminado, sen moitos elementos que distraian, cunha cadeira e unha 
mesa axeitadas á idade e cun horario escolar situado en lugar visible.
     Débese ter o costume de consultar diariamente a axenda para ver que 
tipo de tarefas traen para facer e así establecer un plan de traballo: 
que tes que facer, para cando, por onde vas empezar… É bo tamén que 
dispoñan dun horario de actividades da tarde, onde o estudo ocupe un 
tempo, pero cun límite razoable que non impida outras tarefas. Cando 
hai dificultades para manter a atención ou para organizarse, haberá 
que repartir o traballo en períodos máis curtos e a supervisión será máis 
constante.
     O tempo dos deberes non ha de ser unha loita diaria nin ocupar máis 
tempo do necesario. Se ocorre isto, o rendemento dos nosos fillos/as 
non é bo e debemos coñecer as causas. O orientador/a é 
a persoa indicada para axudarnos en cada caso.

1 comentario:

Paula de 2º dijo...

¡¡¡Vaaaleee!!!